Fonte Cristina Arias. El Progreso
Nun multitudinario acto, cheo de emoción, de bágoas contidas por sorrisos e moitos recordos, Castro de Rei rendeu unha fermosa homenaxe a Xosé Manuel Carballo, cura, ilusionista e un dos grandes dinamizadores dun concello no que deixou unha gran pegada. E onte quedou constancia.
A homenaxe comenzou no cemiterio de San Martiño de Goberno, onde a súa irmá, Fe, e o rexedor, Francisco Balado, foron os encargados de destapar unha placa que recordará para sempre a Carballo como Fillo Predilecto de Castro de Rei. Soou A Carballesa, esa peza que Raúl Galego lle adicou, da man dos Valuros, legado vivo -igual que o grupo de teatro que fundou co mesmo nome pero con b hai medio século- dun home que ninguén olvida.
Os asistentes deprazáronse do cemiterio ao teleclub, que dende onte levará o seu nome. Soaron as gaitas outra vez, e foron moitos os que quixeron mostrar o seu agarimo. Houbo lembranzas para o seu libro máis coñecido, Don Otto de viaxe pola Chaira, para a relixiosidade e para a súa maxia. David Méndez, Óscar Bello e o Mago Antón, tres dos seus “fillos máxicos”, arrancaron gargalladas aos presentes.
“Foi unha idea que partiu dos Baluros e o pleno acordouno por unanimidade. O teleclub era a instalación máis adecuada para levar o seu nome. Foi o centro no que fixo máis representacións, o máis antigo, no que fixo os primeiros ensaios… É o lugar correcto”, dixo o rexedor de Castro de Rei. “A idea é que siga estando con nós. Lémbrense sempre de Xosé Manuel Carballo”, engadiu.
Alfonso Blanco, Marica Campo, Xesús Mato, Ricardo Polín, Xosé Otero Canto, Manuel Regal, Mero Iglesias, membros dos músicos Os Valuros e do teatro dos Baluros, entre outros dos moitos que participaron, falaron dun home “inmorrente”, “un gran mestre”, “xeneroso”, “profeta na súa terra”, que “fixo rir aos vellos de todo o país e obrou milagres todos os días”. E outros como Felipe Arias, Juan José Fernández Abella ou Elsa Vega, pese a non poder estar, enviaron verbas para recordar a un home “leal”, “comprometido coa terra chairega”, de “humor sobranceiro” e “gran pacificador”. Co ritmo de O Carro despedíronse, pero convencidos de non olvidar.