FEIRA DE CASTRO DE REI

A feira en Castro de Rei celébrase en domingos alternos, pódese degustar do mesmo xeito que na de Castro Ribeiras un exquisito polbo e hai gran cantidade de postos para poder comprar produtos autóctonos e típicos da matanza.

 

 

A orixe deste concello está nun castro sobre o que se construíu na Idade Media a fortaleza dos Castro de Lemos, hoxe en ruínas. O concello, distribuído en 25 parroquias, ten un patrimonio importante no que destacan o Castro e o Museo de Viladonga, un dos máis importantes de Galicia, ao que se chega por un camiño debidamente sinalizado que parte da N-640. Desde o monte onde se atopan, situado a 550 metros de altitude, obsérvase unha ampla perspectiva da Terra Chá, a Serra de Meira e o val do Miño.

 

O castro descubriuse en 1911 cando un labrador enganchou co seu arado un torques de ouro, e foi a partir dos anos 70 cando se realizaron unha serie de escavacións que deixaron á vista unha acrópole case circular de 10.000 metros cadrados de superficie, rodeada por un sistema defensivo con murallas e fosos, ademais do antecastro.