Fonte Cristina Arias. El Progreso

Nun multitudinario acto, cheo de emoción, de bágoas contidas por sorrisos e moitos recordos, Castro de Rei rendeu unha fermosa homenaxe a Xosé Manuel Carballo, cura, ilusionista e un dos grandes dinamizadores dun concello no que deixou unha gran pegada. E onte quedou constancia.

A homenaxe comenzou no cemiterio de San Martiño de Goberno, onde a súa irmá, Fe, e o rexedor, Francisco Balado, foron os encargados de destapar unha placa que recordará para sempre a Carballo como Fillo Predilecto de Castro de Rei. Soou A Carballesa, esa peza que Raúl Galego lle adicou, da man dos Valuros, legado vivo -igual que o grupo de teatro que fundou co mesmo nome pero con b hai medio século- dun home que ninguén olvida.

Os asistentes deprazáronse do cemiterio ao teleclub, que dende onte levará o seu nome. Soaron as gaitas outra vez, e foron moitos os que quixeron mostrar o seu agarimo. Houbo lembranzas para o seu libro máis coñecido, Don Otto de viaxe pola Chaira, para a relixiosidade e para a súa maxia. David Méndez, Óscar Bello e o Mago Antón, tres dos seus «fillos máxicos», arrancaron gargalladas aos presentes.

«Foi unha idea que partiu dos Baluros e o pleno acordouno por unanimidade. O teleclub era a instalación máis adecuada para levar o seu nome. Foi o centro no que fixo máis representacións, o máis antigo, no que fixo os primeiros ensaios… É o lugar correcto», dixo o rexedor de Castro de Rei. «A idea é que siga estando con nós. Lémbrense sempre de Xosé Manuel Carballo», engadiu.

 «Hoy el recuerdo puede hacer que estemos tristes, pero él siempre nos hacía reír y sonreír», expresou o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Luis Ángel de las Heras, que destacou o valor que lle daba Carballo á amizade, á familia, a Castro de Rei e á arte.

Alfonso Blanco, Marica Campo, Xesús Mato, Ricardo Polín, Xosé Otero Canto, Manuel Regal, Mero Iglesias, membros dos músicos Os Valuros e do teatro dos Baluros, entre outros dos moitos que participaron, falaron dun home «inmorrente», «un gran mestre», «xeneroso», «profeta na súa terra», que «fixo rir aos vellos de todo o país e obrou milagres todos os días». E outros como Felipe Arias, Juan José Fernández Abella ou Elsa Vega, pese a non poder estar, enviaron verbas para recordar a un home «leal», «comprometido coa terra chairega», de «humor sobranceiro» e «gran pacificador». Co ritmo de O Carro despedíronse, pero convencidos de non olvidar.