Fonte O PROGRESO.

O teleclub de Castro de Rei é o lugar escollido polo Concello para renderlle un tributo permanente á figura de Xosé Manuel Carballo Ferreiro. O epicentro cultural da capitalidade municipal parece ser o lugar máis acaído para lembrar a quen era Fillo Predilecto deste municipio chairego e, por iso, o equipo de goberno impulsa una iniciativa para pórlle o seu nome a este emblemático edificio.

Balado (PP): “Entendemos que é o lugar idóneo para dedicarlle, porque é un edificio destacado que ten fins culturais”

O alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, adiantou que o seu partido, o PP, xa rexistrou unha moción para levar esta proposición ao próximo pleno ordinario da corporación -fixado para o venres 10, ás 17.00 horas- na que se recolle esta proposta, que o rexedor confía que conte «co apoio unánime» dos concelleiros dos tres partidos con representación, PP, PSOE e BNG.

«Entedemos que é o lugar idóneo para dedicarllo a Xosé Manuel Carballo, porque se trata dun edificio destacado do municipio e que está dedicado a fins culturais», apunta Balado, precisando que, aínda que poderían ter escollido unha rúa ou calquera outra instalación, preferiron optar polo teleclub precisamente «pola vinculación del coa cultura e en recoñecemento ao seu gran labor como dinamizador».

O alcalde de Castro de Rei lembra que este edificio, utilizado polo propio Carballo en moitas ocasións, acolle numerosos actos de carácter social e cultural ao longo do ano, promovidos polo Concello, por entidades de Castro de Rei e incluso por outros colectivos, xa que os dous festivais organizados pola Federación de Asociacións (As FeAs), tiveron lugar ao seu carón.

«É unha dedicatoria ben merecida, coa que queremos facerlle un recoñecemento á súa figura», conclúe Balado, confiando no respaldo da oposición. E non parece que vaia haber ningún problema para que a proposta dos populares prospere por unanimidade, posto que as voceiras dos dous partidos da oposición, PSOE e BNG, manifestaron o atinada que lles parece esta iniciativa.