• O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou o centro e explicou os pasos a seguir que farán posible a execución material das obras
  • Para a elaboración do proxecto definitivo a Consellería de Cultura e Educación convidou a 47 arquitectos novos para darlles a oportunidade de incorporar esta experiencia aos seus currículo

O colexio de educación infantil e primaria Veleiro-Docampo, en Castro de Rei, é un dos centros da provincia da Lugo que se verá beneficiado en 2018 polo Plan de Rehabilitación Integral de edificios educativos que anunciou a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, Francisco Javier Balado, deron conta durante unha visita ao centro dos pasos a seguir que farán posible a execución material das obras para as que se reserva un investimento inicial estimado de medio millón de euros. Entre as actuacións previstas se inclúe a inxección de material na cámara de aire das fachadas, cambio das fiestras e carpintería exterior e persianas, colocación de falsos teitos e introdución de tecnoloxía led nas luminarias. Ademais, de xeito complementario executarse o pintado interior do centro e, previsiblemente a reforma dos aseos. Balseiro explicou que esta actuación tan ambiciosa, reportará maior confortabilidade aos escolares e a todos os usuarios, así como unha mellora substancial da eficiencia enerxética do centro, que contribuirá tamén á redución considerable dos custes de mantemento, polo menor consumo de luz e calefacción. Na actualidade, o CEIP Veleiro Docampo acolle a un total de 197 alumnos, deles 50 cursan infantil e 147 primaria.