(Fonte » La voz de Galicia» XMP)

A Terra Chá que viu nacer non poucos poetas nos séculos XIX e XX pode tamén gabarse de ter sido o berce de personaxes que exerceron gran influencia na sociedade do seu tempo. Nese grupo, a Manuel Becerra (1820-1896) correspóndelle un lugar de honra: naceu na Ponte de Outeiro, e a súa figura non ten un recoñecemento público directamente proporcional á súa traxectoria; porén, un libro que se presenta o vindeiro venres 15/9 en Castro de Ribeiras de Lea -Casa da Cultura, oito do serán- ofrece un resumo da súa intensa vida.

 Dous fillos da Ponte de Outeiro: Crecente Vega e Manuel Becerra é o título do volume escrito polos profesores Manuel Vila e Xosé Antón Pombo, editado pola Asociación dos Xogos Tradicionais de Muimenta (Xotramu) co patrocinio do Concello de Castro de Rei.

A «fonda vocación» de servizo á vida pública é subliñada polos autores nas primeiras páxinas do libro. Que Becerra viñese ao mundo nese lugar de Castro de Rei foi case unha casualidade pero non algo estraño, pois a súa familia materna tiña orixes aí. Porén, é en Madrid, a onde chegou con 20 anos, onde a súa vida foi intensa polos cargos que ocupou e tamén polo seu labor intelectual, reflectido en artigos xornalísticos, no estudo da historia de España e de Portugal que se publicou co título deImperio Ibérico ou na pertenza á Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais.

Cando morreu, a nota necrolóxica publicada no xornal El Telegrama lembraba que Becerra loitara «feramente na súa xuventude pola democracia», e engadía que aínda que o temperamento revolucionario se volvera algo morno co paso dos anos, antes fora un firme combatente «pola liberdade». En Madrid en 1840. O rapaz que chegou a Madrid en 1840 amosou aptitudes para as matemáticas e para a astronomía, como escriben Vila e Pombo, pero asemade inclinación a participar na política na que non faltaban conspiracións contra a raíña Isabel II. Así, en 1849 participou na elaboración dun manifesto que demandaba o sufraxio universal aínda que aceptando a monarquía. Liberdade de traballo e gratuidade, universalidade e obriga do ensino primario eran algunhas das medidas que o Partido Demócrata propoñía en 1852, antes de que os acontecementos o colocasen na primeira liña.

Foi un dos protagonistas de sublevación de 1856, decidida como medida de protesta ao entenderse que o Bienio Progresista quedaba morto. O levantamento custoulle anos de exilio, que se repetirían anos despois, aínda que a partir de 1868, co levantamento do xeneral Prim e a fuxida da raíña Isabel II, o comezo do chamado Sexenio Revolucionario, supuxo para Becerra un período de destacada actividade. Foi tenente de alcalde de Madrid a finais do devandito 1868 e ministro de Ultramar en 1869, ano no que tamén se ocupou do de Estado e no que se redactou unha Constitución na que a pegada de Becerra semella notarse.

Tamén se nota de xeito evidente o seu protagonismo nos anos seguintes, nos que foi ministro de Fomento durante o breve reinado de Amadeo de Saboia, que só foi xefe do Estado dous anos (1871-1873), e durante a non menos efémera Primeira República, que durou 15 meses e na que Becerra formou parte do goberno sendo presidente Estanislao Figueras. Nin a república implantada tras a renuncia do rei chegado de Italia estivo libre de tensións, nin o político chairego permaneceu alleo, por acción ou por outras circunstancias, aos acontecementos dese tempo. Así, como contan Vila e Pombo, acabou implicado como responsable dun golpe de estado no que el non participara, o cal lle de novo o camiño do exilio. Esa marcha de España tampouco foi definitiva, como tampouco o sería a súa distancia do poder: tras ser un dos creadores do Partido Fusionista, con Sagasta, este situouno de novo no Ministerio de Ultramar en 1888, xa no reinado de Afonso XII; e a ese cargo aínda volveu en 1894, tamén con Sagasta como xefe de goberno.

Presidente do Centro Galego: A finais de 1896 morreu. Pouco antes fora elixido presidente do Centro Galego de Madrid. Aínda que o día do seu enterro, o 20 de decembro, era chuvioso en Madrid, tanto a xente do común da capital como representantes da política, do exército e das ciencias saíron á rúa para despedir a quen, segundo escriben Vila e Pombo, se fixera «digno do seu afecto». A súa fortuna, «pequena» de acordo co que se expón na obra, foi para a súa ama de chaves, e a súa biblioteca, para a Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais.