Coñecer, amar, valorar e protexer a historia de Galicia. Ese é o principal obxectivo de www.rutasdehistoria.gal, un proxecto patrimonial impulsado polo portal web www.historiadegalicia.gal ao que esta primavera se suman catro rexedores das catro provincias galegas cun único fin: poñer en valor o seu patrimonio local.

Coñecendo a historia cos alcaldes de Galicia’, así se chama este novo proxecto impulsado por Rutas de Historia que quere converter en guías turísticos e históricos por un día aos alcaldes de Tui (Pontevedra), Enrique Cabaleiro (PSdeG); Castro de Rei,(Lugo) Francisco Balado (PPdeG); Outes (A Coruña, Manuel González (Compromiso Outes) e A Mezquita (Ourense), Rafael Pérez (BNG).

O obxectivo é que os propios alcaldes sexan os guías dun grupo de máis de medio cento de persoas pola historia e o patrimonio dos seus concellos e dean a coñecer os “segredos ocultos” e as “anécdotas históricas” que atesouran. Neste sentido, o alcalde de Tui destacou que “cando coñecemos unha cousa, pómola en valor. E cando a pomos en valor, comeza a sensibilidade pola protección”. Foi durante a presentación deste proxecto que tivo lugar no Centro Internacional de Prensa de Galicia en Santiago este venres.

Asimesmo, en relación a Tui, o seu alcalde Enrique Cabaleiro, indicou que “é unha das grandes vilas de Galicia, capital dun dos sete reinos de Galicia, que atesoura un enorme patrimonio histórico”.

Tamén, o rexedor de Castro de Rei, Francisco Balado, indicou que “o patrimonio dos concellos de Galicia moitas veces está deteriorado”. Incidiu en que, dende esta iniciativa queren “poñer o acento naquel patrimonio que está agochado e que non se ve”.

Por outra banda, o alcalde de Outes, Manuel González, destacou a importancia da carpintería de ribeira no concello e suliñou o proxecto do Espazo Museístico da Carpintaría da Ribeira, un espazo que conta “a historia de Outes e en particular o que foi este astaleiro” e o oficio que se pretende amosar nestes roteiros.