A empresa adxudicataria dun novo concurso da Xunta de Galicia para realizar traballos de acondicionamento e escavación no castro de Viladonga, logrou desenterrar unha nova escaleira no xacemento chairego. «Levamos apenas unha semana e media de traballo e isto é unha caixa de sorpresas», asegura Miguel Ángel López Marcos, o director de restauración, quen explica que descubriron «unha escaleira que dá acceso á muralla do castro». A diferenza da que atoparon na entrada ás vivendas durante o primeiro día da escavación, esta está «máis deteriorada». «A parte de arriba caeu e anulárona na época castrexa, só consérvanse un par de banzos», indica López Marcos, quen avanza que nos dous meses que quedan por diante de traballo esperan descubrir novos e importantes achados. Os labores, nas que participan un total de oito persoas, centraranse en actuar en varias estruturas xa escavadas nos anos 70, ás que se lles retirará a antiga capa utilizada para a consolidación, e usaranse «morteiros hidrófugos que protexen a pedra e prepárana para soportar a intemperie». Tamén se realizarán novos traballos de escavación e limpeza.